Concerto da Banda de Gaitas Paramos de Tui

Data
to
Location
Praza Maior da Caniza
Organiser
Concello da Caniza - Verán de Lecer 2026
Concurso

A Banda de Gaitas Paramos de Tui volve de novo á Caniza para presentar a versión cantada do Himno da Caniza

  •  A Praza Maior da Caniza acollerá o sábado 22 de agosto, ás 23.00 horas, a actuación da Banda de Gaitas Paramos de Tui, unha das propostas musicais incluídas na programación do Verán de Lecer 2026, organizada polo Concello.
  • O concerto terá como momento central a presentación oficial da versión cantada do Himno da Caniza, unha composición que completa o proxecto iniciado pola formación o pasado ano.

Esta será a cuarta actuación consecutiva da Banda de Gaitas Paramos de Tui na Caniza, despois do éxito acadado nas edicións de 2023, 2024 e 2025, consolidándose como unha das citas musicais máis agardadas da programación estival do municipio.

O concerto deste ano terá un significado especial para a veciñanza, xa que a formación presentará por primeira vez a versión con letra do Himno da Caniza. A iniciativa naceu tras o concerto celebrado en 2024, cando o director da banda, José Manuel Caballero Fernández, anunciou que, se regresaban á vila, comporían unha peza dedicada ao municipio como mostra de agradecemento polo agarimo recibido do público canicense.

A promesa fíxose realidade no verán de 2025 coa estrea dunha partitura orixinal instrumental dedicada á Caniza, concebida como unha homenaxe musical á vila. Naquela ocasión, o propio director avanzou que a composición podería evolucionar nunha canción que chegase a converterse no himno do municipio.

Un ano despois, ese proxecto culmina coa presentación oficial da obra acompañada dunha letra, converténdose nun símbolo musical que pasa a enriquecer o patrimonio cultural da Caniza.

Unha banda de referencia na música tradicional galega

Con preto de dúas décadas de traxectoria, a Banda de Gaitas Paramos de Tui consolidou un estilo propio no que combina tradición e innovación. Integrada por arredor de 50 músicos, entre gaiteiros, percusionistas, pianistas, guitarristas e voces, ofrece un espectáculo de gran calidade artística no que a música tradicional galega dialoga con novos arranxos e composicións propias.

A súa vinculación coa Caniza foi medrando ano tras ano ata converter este concerto nunha cita habitual do Verán de Lecer, reforzando o vínculo entre a formación e o público canicense.

A entrada será libre e gratuíta.

Horario

Sábado 22 de agosto de 2026, ás 23 h na Praza Maior da Caniza