O Concello da Caniza informa de que durante a xornada do luns 27 de xullo, se rexistrou unha diminución da presión no servizo de abastecemento de auga debido á avaría dun dos pozos que abastecen o depósito de Augas Férreas, tras queimarse o seu motor de bombeo.
A avería de onte provocou unha baixada da presión da auga, afectando principalmente ás zonas máis elevadas do municipio, entre elas a rúa Progreso (á altura de Briabí), Rañadoiro, Augas Férreas, Piñeiro e Regueiro, na Calzada, así como a zona alta da rúa Vilanova.
A situación viuse agravada polos problemas rexistrados nos últimos días debido ao baleirado do depósito principal de Portoaugavella, co que está conectado o depósito de Augas Férreas, así como polo actual período de seca, que obriga aos pozos a traballar de maneira ininterrompida, incrementando o risco de avarías.
Ademais, na xornada de onte, o Concello presentou no Cuartel da Garda Civil unha denuncia complementaria á formulada o pasado 3 de xullo, tras detectarse a subtracción de cableado na liña de alimentación eléctrica doutro dos pozos que abastecen ao Depósito de Augas Férreas, o que provocou que este pozo estivera paralizado, sin realizar achegas de auga ao depósito.
Nestes momentos, o Concello está a traballar na reparación do motor de bombeo e na sustitución do cableado eléctrico dos pozos afectados e os caudais de entrada ao depósito de Augas Férreas xa se están a recuperar.
Por este motivo, informamos de que ao longo da mañá quedará restablecida a presión e normalizado o servizo nas zonas afectadas.
O Concello da Caniza lamenta as molestias ocasionadas e agradece a comprensión e colaboración da veciñanza, así como o uso responsable da auga durante estes días.