Bando sobre medidas extraordinarias para o aforro de auga da traída municipal decretadas pola Resolución nº 2026-0940

Alcaldía
Saúde

​ BANDO DA ALCALDÍA

MEDIDAS EXTRAORDINARIAS DE AFORRO DE AUGA

Luis Antonio Gómez Piña, Alcalde do Concello da Caniza,

FAI SABER:

Que, con data de hoxe, 16 de xullo de 2026, esta Alcaldía ditou a Resolución nº 2026-0940, pola que se declara a existencia dunha situación de escaseza de recursos hídricos e se adoptan medidas extraordinarias para garantir a continuidade do servizo municipal de abastecemento domiciliario de auga potable.

En consecuencia, faise saber á veciñanza que, durante a vixencia da Resolución, deberán observarse as seguintes medidas:

a).- Quedan prohibidos os seguintes usos non esenciais da auga procedente da traída municipal da Caniza:

  • Rega de xardíns, hortas e zonas verdes particulares.
  • Enchido de piscinas privadas.
  • Baldeo de rúas, patios ou fachadas.
  • Lavado de vehículos.
  • Calquera outro uso recreativo ou ornamental incompatible coa situación de escaseza existente.

b).- Recoméndase reducir o consumo doméstico ao mínimo imprescindible, adoptando, entre outras, as seguintes medidas de aforro:

  • Evitar duchas prolongadas.
  • Pechar a billa mentres se enxaboa ou se lavan os dentes.
  • Utilizar lavadoras e lavalouzas unicamente con carga completa.
  • Evitar calquera outro uso innecesario da auga.

c).- Recoméndase revisar as instalacións particulares para detectar e reparar posibles fugas de auga.

O Concello poderá realizar os controis e inspeccións que resulten necesarios para comprobar o cumprimento das medidas establecidas na Resolución e neste Bando.

O incumprimento das prohibicións e limitacións establecidas poderá dar lugar á adopción das medidas que legalmente procedan e, se é o caso, á imposición das sancións previstas na lexislación vixente.

 

Bando medidas restrictivas a aplicar en el consumo de agua de la traída municipal a partir del 16 de julio de 2026