MERCAÑIZA NADAL 2018

Este programa desenvolveuse nos últimos cinco anos pero extensivo a todo o ANO. Nesta ocasión e por consenso cos comerciantes da localidade decidiuse concentrar os premios únicamente no mes de NADAL: un total de 6000 euros a repartir en tres sorteos con 3 premios de 500€uros e 45 premios de 100€.

 

 

BASES REGULADORAS DA CAMPAÑA

“MERCAR NA CAÑIZA EN NADAL TEN PREMIO”

1.- OBXECTO:

É obxecto das presentes bases regular as condicións nas que se vai a desenvolver a campaña “Mercar na Cañiza en Nadal ten premio”

A dita campaña consistirá nun sorteo entre os clientes dos comercios do municipio de vales de compra para empregar nos establecementos adheridos á presente campaña.

2. NORMATIVA APLICABLE:       

As presentes bases regularanse polo contido na Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, o R.D. 887/2006, polo que se aproba o seu Regulamento, e a Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. DURACIÓN: A presente campaña desenvolverase durante o Nadal.

4. BENEFICIARIOS: Poderán adherirse a esta campaña, tódolos establecementos comerciais do Concello de A Cañiza, que así o soliciten expresamente.

               4.1         Os comerciantes interesados deberán inscribirse nas oficinas municipais. No momento da súa adhesión entregaráselle inicialmente un talonario de 100 rifas a cada comerciante, debendo asinar unha solicitude de participación, así como, o compromiso de aceptar e respetar os vales de desconto obxecto de sorteo. Os comerciantes poderán pedir en calquera momento que o necesiten máis talonarios de rifas.

               4.2         As rifas terán carácter gratuíto para os clientes e serán entregadas aos mesmos por cada comerciante por compras superiores a dez euros (10 €)

5. CONTÍA DOS PREMIOS:

               A cantidade total a repartir durante a campaña será de 6.000 (seis mil euros), a repartir en tres sorteos: 21 e 28 de decembro e 4 de xaneiro de 2019 do xeito seguinte:

 

               1 vale de compra por valor de 500 €

               15 vales de compra por valor de 100 € c/u

 

6.- FUNCIONAMENTO DOS SORTEOS:

               6.1 Tres días antes de cada sorteo, os comerciantes deberán entregar nas oficinas xerais do Concello as matrices correspondentes ás rifas distribuídas ata ese momento, que serán as que se empreguen para a realización de cada sorteo público. OS MARXINAIS ENTREGADOS NO MESMO DÍA DO SORTEO NON ENTRARÁN NO MESMO

               6.2. Os días 21 e 28 de decembro de 2018 e 4 de xaneiro de 2019, celebraranse no Concello os sorteos, diante do Secretario Municipal, ou persoa en quen delegue.

               Os números premiados poderanse consultar, dende o día seguinte,  na páxina web www.caniza.org.

               6.3. As persoas que resulten premiadas deberán recoller nas oficinas municipais os correspondentes vales de compra que poderán empregar ata o día 28 de febreiro de 2018, nos establecementos adheridos.

 

7. XUSTIFICACIÓN

               En calquera momento durante a vixencia da presente campaña despois de efectuado o primeiro sorteo e ata un mes despois do prazo máximo para a utilización dos vales premiados, os empresarios adheridos achegarán ao Concello as correspondentes facturas xunto aos vales premiados que foran canxeados no seu establecemento, e debendo facer constar expresamente nas facturas o concepto “Campaña mercar na Cañiza en Nadal ten premio”, así como expresión do detalle do número de vales canxeados

               Os empresarios que nunca tiveran facturada ao Concello deberán achegar asemade unha copia do seu CIF e o Certificado da Conta Bancaria no que o concello faralle o ingreso.

8. REINTEGRO DAS ACHEGAS

               De conformidade co disposto no artigo 14.j) da Lei 9/2007, de 13 de xuño de subvencións de Galicia, o incumprimento das disposicións establecidas nas presentes bases, así como calquera outra disposición reguladora das subvencións públicas, orixinará o reintegro total ou parcial da achega percibida.

9. OBRIGA DE INFORMACIÓN

               Os establecementos adheridos como beneficiarios das achegas, deberán subministrar ao Concello cando sexan requiridos para elo, a información que fora precisa aos efectos de facer as comprobacións que se estimen oportunas.

compartir