NovasIr a esta sección

Letras Galegas 2019
Data de publicación: 15 de maio de 2019

• No Ano de Antonio Fraguas, o Concello da Cañiza celebra as Letras Galegas con máis implicación que nunca, reeditando o libro que este autor escribiu sobre as Romarías da Franqueira e que está ao dispor de todos os veciños que desexen un exemplar nas Oficinas Municipais. 

A CAÑIZA CELEBRA AS LETRAS GALEGAS CON CONCURSOS LITERARIOS, TEATRO, CONTACONTOS, XOGOS TRADICIONAIS E A PROXECCIÓN DO CURTO DE ROBERTO OLIVEIRA “MANUELA ROMASANTA”

• No Ano de Antonio Fraguas, o Concello da Cañiza celebra as Letras Galegas con máis implicación que nunca, reeditando o libro que este autor escribiu sobre as Romarías da Franqueira e que está ao dispor de todos os veciños que desexen un exemplar nas Oficinas Municipais.

A programación das Letras Galegas 2019 empezou o pasado 3 de maio nos centros escolares coas visitas dos alumnos á Biblioteca e Axencia de Lectura da Cañiza e Valeixe onde lles esperaban contacontos para divertirlles con asombrosos relatos e onde ademais participaron na celebración do 1º Aniversario da mascota “Xamonciño”. Todos os nen@s recibiron o seu novo Pasaporte de Lectura.

Nos centros escolares gozouse tamén de actividades ao aire libre poñendo a proba as habilidades dos pequen@s con xogos tan tradicionais como a Chave, Petanca, Ra e Bolos Celtas.

O 16 de maio, no Auditorio da Casa de Cultura proxectarase a partir das 8 da tarde a curtametraxe de Roberto Oliveira “Manuela Romasanta”, unha obra que durante este 2019 conseguiu a aprobación da crítica na categoría de curtametraxe en numerosos festivais internacionais. Contaremos este día coa presenza do seu director, Roberto Oliveira, que nos fará a presentación do seu traballo.

 Tamén este día entregaranse os Premios aos gañadores dos concursos de relatos e poesía Letras Galegas 2019 Concello da Cañiza.

Canta Miña Pedra Canta, é o título da obra de teatro que se representará o 21 de maio, tamén no Auditorio da Casa de Cultura para todos os alumnos do CPI e CEIP da Cañiza e Valeixe. Un espectáculo musical no que Juan Curiel interpreta varias das cancións incluídas no Cancioneiro de Cotobade nos que recrea algún episodio da vida do homenaxeado Antonio Fraguas. Juan Curiel compartirá escenario con Charo Pita que, entre canción e canción entregaralle aos nenos un exemplar do libro “O Fillo do Rei e outros Contos Populares”.

Pero sen dúbida un dos actos máis importantes celebrados en torno ao autor galego homenaxeado en 2019 pola Real Academia Galega foi a presentación do Libro de Antonio Fraguas “ As Romaxes dá Franqueira”, que tivo lugar o pasado 26 de abril no Santuario Mariano. Un acto presentado polo Alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez acompañado do párroco Javier Alonso, do Director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia Anxo Lorenzo, do Alcalde de Cotobade Jorge Cubela e do Presidente da Editorial Galaxia Antón Vidal Andión.

 Un interesante e breve relato que Antonio Fraguas recolleu das historias contadas por Dona Antonia Pérez Estraviz, veciña de Mondariz e que foi como unha nai para o escritor de Cotobade. A reedición desta pequena alfaia literaria estivo promovida pola editorial Galaxia a través do seu Director Francisco Castro que presentou ao Concello este ilusionante proxecto patrocinado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.

compartir

axenda