NovasIr a esta sección

A Xunta e o Concello asinan un convenio de colaboración para a centralización das oposicións a policía local
Data de publicación: 22 de xuño de 2018
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e Miguel Domínguez, ratificaron este acordo o 21 de xuño. A Cañiza súmase así aos outros 50 concellos que xa asinaron o convenio para delegar este proceso de selección. A primeira convocatoria, destinada aos corpos de auxiliares, xa rematou cun total de 109 prazas ofertadas e cubertas. Está previsto que a convocatoria para a selección de policías locais se publique na primeira quincena de xullo.

 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018.-  O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, un convenio de colaboración para a centralización na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) das oposicións da Policía Local.

 

A Cañiza súmase así aos outros 50 concellos que xa se teñen adherido a esta iniciativa, froito dun protocolo de colaboración entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

 

Este mesmo mes finalizou xa a primeira convocatoria centralizada, destinada ás prazas de auxiliares de Policía Local. En total, cubríronse 109 prazas nun total de 24 concellos, ás que hai que sumar outras 8 máis que foron comunicadas posteriormente por dous concellos que precisaban deste persoal.

 

Os novos auxiliares tiveron que pasar un proceso de selección que incluíu probas físicas e teóricas, así como un curso de capacitación. Ademais, para aqueles que non resultaron elixidos inicialmente, configurouse unha listaxe de reserva que garante a cobertura áxil de prazas aínda que se produzan renuncias.

 

Agora está prevista a segunda parte da convocatoria, esta vez para as prazas de Policía Local, e que se prevé estea publicada na primeira quincena de xullo. Neste caso, comunicáronse 39 vacantes por parte de 23 concellos.

 

Aposta pola profesionalización

Trátase do primeiro ano no que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) centraliza estes procedemento para aqueles concellos que decidan voluntariamente delegar as súas competencias na materia.

 

A posta en marcha deste proceso supón un importante avance que permitirá mellorar a profesionalización da Policía Local, ao tempo que facilita a xestión dos concellos, evitando cargas e posibilitando a cobertura de vacantes e a mellora dos cadros de persoal destes corpos.

compartir

axenda