NovasIr a esta sección

O Centro de Saúde da Cañiza comeza o venres 24 a realizar os tests diagnóstico do Covid-19
Data de publicación: 23 de abril de 2020

Un total de 200 mostras entre a poboación da Cañiza, Crecente e Arbo, nesta 1ª sondaxe realizada polo SERGAS para coñecer con precisión o nivel de inmunidade da poboación.

CRISE PANDEMIA COVID 19

DENDE O CENTRO DE SAÚDE (SERGAS)  E DA ALCALDÍA DO CONCELLO PÍDESE A COLABORACIÓN A TODA A VECIÑANZA.

Mañá comezan a realizarse os primeiros tests no Centro de Saúde da Cañiza (SERGAS) que cubre tamén a poboación de Crecente e Arbo. Nesta primeria sondaxe, dous enfermeiros realizán 200 tests durante os días  24, 27, 28, 29 e 30 de abril  e o 4 e 5 de maio. Unha proba rápida de apenas 2 ou 3 minutos de duración, cuxos  resultados serán confirmados polo Centro, vía telefónica, ao día seguinte. Deste xeito prevese a realización duns 32 tests por día.

A selección dos veciños está feita de xeito aleatorio polo Instituto Galego de Estatística (IGE). A citación ás probas realizarase mediante contacto telefónico con cada unha das persoas seleccionadas e, tras realizárselles unha pequena enquisa concretarase unha cita para facer o test no Centro de Saúde. Os veciños serán chamados cada 10 minutos, para evitar aglomeracións. Unha vez rematada a proba é conveniente non permanecer no centro sanitario.

Unha vez pasadas tres semanas volverase a realizar unha segunda sondaxe con outras 200 persoas. Non poderán repetir o test os veciños que xa fixeron o primeiro para cumprir co principio de igualdade e participación. Ademáis esta mostraxe do IGE garante a representatividade do COVID-19 en Galicia.

A poboación que será obxecto de investigación serán as persoas que dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e que, tras ser escollidas dun xeito aleatorio, permitirán estratificar a influencia da pandemia por áreas territoriais; a prevalencia do virus segundo os diferentes tramos de idade (0-18 anos, 19-64 anos, e 65 ou máis anos) e o seu sexo.

Desde a Alcadía e o Centro de Saúde da Cañiza, pedimos a colaboración das veciñas e veciños nesta investigación que  repercutirá dun xeito beneficioso en toda a poboación, particípese ou non na toma de datos pois, os resultados do proxecto, permitirán acadar un coñecemento profundo da epidemia do COVID-19, permitindo adoptar as medidas sanitarias e de confinamento máis axeitadas.

compartir

axenda