NovasIr a esta sección

O Alcalde presenta o libro 'O Santuario da Franqueira' do escritor Antonio Fraguas Fraguas
Data de publicación: 26 de abril de 2019

Encadrada nos actos de celebración do Día do Libro e ás portas de celebrar o Día das Letras Galegas, Miguel Domínguez presentou nun emprazamento excepcional, o interior do Templo de Santa María da Franqueira, o libro que o autor protagonista das Letras Galegas 2019, Antonio Fraguas Fraguas, escribiu sobre o Santuario da Franqueira.

 Acompañado do párroco Javier Alonso, do Director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia Anxo Lorenzo, do Alcalde de Cotobade Jorge Cubela e do Presidente da Editorial Galaxia Antón Vidal Andión.

 

Un interesante e breve relato que Antonio Fraguas recolleu das historias contadas por Dona Antonia Pérez Estraviz, veciña de Mondariz e que foi coma unha nai para o escritor de Cotobade. A reedición desta pequena alfaia literaria estivo promovida pola editorial Galaxia a través do seu Director Francisco Castro que presentou ao Concello este ilusionante proxecto patrocinado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.

Antonio Fraguas, investigador do patrimonio inmaterial espiritual, outrora chamado folclore e etnógrafo de ideoloxía galeguista, homenaxeado este ano pola RAG, entre outros méritos por reivindicar “a memoria, a cultura e a lingua do pobo galego” destacou principalmente por poñer en valor a cultura espiritual campesiña. As festas e romarías populares, as cantigas, as crenzas e os costumes aparecen nos seus ensaios, recollendo en moitos dos seus escritos a esencia do mundo campesiño.

E é neste punto onde entronca coa Cañiza, co seu Santuario máis importante. Coas Romarías de Santa María da Franqueira. Unha das advocacións marianas máis antigas de Galicia. Centro de peregrinaxe e de espiritualidade. Emprazamento visitado tamén por grandes pintores, músicos e intelectuais que dalgún xeito quixeron deixar a súa pegada en cadros, partituras e obras literarias.

 

O gran escritor Ramón Carbanillas foi un deles ao escribir a súa obra “ As Romaxes da Franqueira”, que recolle en forma de poesía e cántico a loita dialéctica entre un Príncipe Mouro e un devoto Cristián” e que aínda hoxe represéntase na Romaría do 8 de setembro. Desta obra fíxose eco o noso autor, Antonio Fraguas, escribindo “O Conto do Serafín. O Santuario da Franqueira”.

Conto número 27 dos 29 que compoñen Os Contos do Castromil, unha colección que alá polos anos 90 do século pasado pretendía achegar ao lector e viaxeiro da liña Castromil, unha das empresas de transporte público máis importantes de Galicia por aquel entón, a unha selección de autores de relato galego.

Este ano, coincidindo co Ano de Antonio Fraguas, o Concello da Cañiza en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia, quixo recuperar o conto número 27 dous Contos do Castromil. Un breve e interesante relato para reeditalo en pequeno formato como unha alfaia literaria que a partir de hoxe podes atopar nas instalacións municipais.

compartir

axenda