NovasIr a esta sección

Celebramos o Día do Libro do 25 ao 30 de abril co alumnado dos centros escolares
Data de publicación: 22 de abril de 2019

• Durante toda a semana desenvolveranse actividades na Biblioteca Municipal, a aula de Lectura de Valeixe e na aula Cemit da Casa de Cultura nas que participarán máis de 300 alumn@s dos centros escolares da Cañiza e Valeixe.

O Concello celebra o Día do Libro do 25 ao 30 de abril cos alum@ s dos Centros Educativos da Cañiza

• Este ano, no Día do Libro, A Cañiza réndelle homenaxe á figura de Castelao.

• Ademais o Alcalde presentará o 26 de abril no Santuario da Franqueira o libro “O Conto do Serafín. O Santuario da Franqueira” do escritor galego Antón Fraguas Fraguas, elixido pola RAG este ano para protagonizar as Letras Galegas. Esta pequena xoia literaria está editada por Galaxia baixo o patrocinio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Coincidindo coa celebración do Día do Libro, do 25 ao 30 de abril o Concello, a través da Concellería de Cultura, prepara un variado cartel de actos e actividades dirixido aos nenos e mozos da localidade.

As xornadas comezan o xoves 25 ás 11:00h na aula Cemit da Casa de Cultura cos alumnos de 3º e 4º de primaria, para participar nunha aula didáctica interactiva ao redor da figura de Castelao, actividade que continuará o venres 26 cos alumnos do CEIP de Valeixe que visitarán a Axencia de Lectura da Miñoteira para ler contos, visionar unha película e participar en divertidas actividades de dinamización sobre este escritor.

O 29 de abril os alumn@s de 4º, 5º e 6º de infantil visitarán a Biblioteca Municipal. Aquí, ademais de coñecer a instalación, os máis pequenos poderán participar na celebración do 1º aniversario da nosa mascota “ xamonciño” e divertirse co espectáculo “ As Parábolas de Pakolas” da man de Paco Cerdeira.

As actividades finalizan o martes 30 co espectáculo “ Maxia de Catro a Catro”, do mago Pedro Bugarín, dirixido a todos os alumn@s do CPI da Cañiza e do CEIP de Valeixe. Ao finalizar todos os nenos recibirán un exemplar do libro “O Conto do Serafín. O Santuario da Franqueira” do autor Antón Fraguas Fraguas, ao que este ano se dedican as Letras galegas.

Durante estas xornadas literarias todos os alumnos de 5º e 6º de primaria do CPI e CEIP da Cañiza e Valeixe poderán entregar na biblioteca municipal láminas con textos e debuxos dedicados ao insigne escritor galego, cos cales se editará e confeccionará un libro de gran formato (A3) que formará parte do fondo editorial da Biblioteca para consulta xeral.

compartir

axenda