NovasIr a esta sección

Carballeira do Cacharado: emblema e símbolo da nosa tradición xamoneria
Data de publicación: 08 de agosto de 2018

 O 15 de agosto é un día de referencia para o Municipio de A Cañiza porque celebra o seu día grande, a Feira do Xamón. Un acontecemento único que consegue convocar a miles de persoas na centenaria Carballeira do Cacharado, un emprazamento no que non sempre se celebrou esta festa gastronómica, pero que si foi testemuña das feiras agrícolas e gandeiras durante máis de 150 anos.

Coincidindo co 50 Aniversario da Feira, o 15 de agosto de 2016 A Cañiza quixo render homenaxe á tradición xamoneira deste Pobo, representada en todos os homes e mulleres do campo que desde mediados do século XIX depositaban as súas esperanzas nesta Carballeira, pois era aquí onde viñan vender os seus produtos, fundamentalmente porcos e xamóns. Estas vendas permitíanlles sobrevivir o resto do ano, aínda que con gran escaseza.

As feiras dos días 6 e 20 de cada mes que se celebraban na Carballeira ata fai catro décadas eran un referente para as xentes de A Cañiza. Por iso o Concello quixo deixar constancia, da man do pintor e escultor cañicense Diego De Giráldez, desta parte da nosa historia que é de xustiza lembrar e honrar.

 Desde o 15 de agosto de 2016 preside a Carballeira do Cacharado unha escultura alegórica conmemorativa da tradición Xamoneira. Nove esferas superpostas xorden da terra simbolizando cada unha das nove parroquias que, colocadas por orde alfabética fúndense baixo o xamón de A Cañiza, símbolo indiscutible da economía local desde o ano 1820, ano en que se constitúe como tal noso Concello. A esfera dourada que coroa o xamón é o nexo que une as parroquias coa súa tradición Xamoneira e todo iso fusiónase co noso carballo, árbore galega por excelencia que identifica o pobo e que tamén figura no noso escudo e bandeira.

compartir

axenda